O club Xadrez das Mariñas proclamouse onte campión provincial de xadrez en categoría alevín.
O equipo impúxose en todos os encontros disputados contra os outros tres que se clasificaran de toda a provincia para a final a catro.
Totalizando 10 puntos e medio dos doce posibles, a primeira praza logrouse cunha diferenza notable co segundo clasificado; o Escola Técnica de Xadrez.
Integraron o equipo tres rapazas e tres rapaces, xa que aínda que nesta categoría existe unha modalidade feminina, o nivel das xogadoras do Xadrez das Mariñas era claramente superior e o club apostou pola non segregación.
O equipo estivo integrado por Nicolás Domínguez, Noa e Vera García-Muñoz, María García, Daniel García e Mario López e outra das decisións do club foi que os teóricos suplentes xogasen tantas partidas como os titulares, sen que o fomentar a participación supuxese ningunha baixada do nivel de xogo, que se mantivo ao longo de toda a proba.
Xadrez das Mariñas integra a xogadores de diferentes clubs pequenos da comarca, que desde hai anos colaboran na promoción do xadrez escolar.
Felicidades para os campións provinciais e tamén para todos os que participaron nas fases anteriores e noutras categorías.
Ningún comentario:
Publicar un comentario